Cinco estudantes de 4ºESO acompañadas por dous profesores veñen de pasar unha semana no Friedrich-List-Gymnasium de Asperg, cidade veciña de Stuttgart no sur de Alemaña, para desenvolver o proxecto de colaboración titulado "Fairy Tales and Legends as European Cultural Heritage"
Antes de partir, este grupo de artistas, viña traballando dende había meses na elaboración dun Kamishibai: técnica narrativa de orixe xaponesa que, co apoio dun teatriño de madeira, permite ler-contar historias con imaxes que ilustran os momentos máis importantes. Para a ocasión, a escollida foi a lenda galega "A doniña cerva", para a cal crearon as esceas e acompañadas dos textos en galego, castelán e inglés.
E por fin chegou o día de partir! A pesar de comezar con mal pé (pasamos os primeiros días sen maletas por mor da folga de transportes en Alemaña), a experiencia non puido ser máis satisfactoria. As familias de acollida recibiron ás nosa alumnas como un membro máis do seu fogar, preocupáronse por ofrecerlles todo o necesario e converteron esta semana nunha verdadeira experiencia de inmersión.
Na escola todo e todos estaban preparados para recibir os 35 alumnos procedentes de Francia, Portugal e España. Como cabía esperar dos anfitrións alemáns, todo estivo milimétricamente organizado, e os días sucedéronse nun sinfín de actividades.
Houbo tempo para coñecer as instalacións, realizar obradoiros, asistir a clases, recreos e comidas compartidas, pero tamén para actividades máis lúdicas como ensaios musicais e bailes.
Tampouco faltaron as visitas culturais: unha tarde no Fairy Tale Gardens do Pazo de Ludwigsburg fixo as delicias de pequenos e maiores.
Agora ben, a visita estrela foi a Estrasburgo, onde coñecemos o Parlamento Europeo e percorremos despois a fermosa cidade.
O broche final poñíase cun festival organizado para todos os participantes no programa Erasmus e para agradecer a todas as familias a súa implicación e bo facer nestes días. Expuxéronse os traballos realizados nos obradoiros e ao longo do curso. Velaquí o enlace para poder imprimir o noso Kamishibai: The White Doe
houbo actuación musicais e, como non, discursos! Coa súa presenza, o alcalde de Asperg, como tamén fixera durante a visita dos profesores en xuño de 2022, puxo en valor o proxecto levado a cabo e resaltou a importancia de crear lazos, de fomentar a colaboración e a irmandade entre pobos para acadar un mundo máis solidario e pacífico.
O último día en Asperg pasámolo na escola: asistimos a algunhas clases, houbo despedidas e a sensación de que todo pasara demasiado rápido.
Stuttgart aínda nos agardaba para sorpendernos gratamente coas rúas peatonais, as súas prazas, fermosos edificios e xardíns. Nun único día percorremos e visitamos un sinfín de lugares: os Museos de Arte Contemporánea e o Mercedes-Benz, a Torre da Televisión, o Markt Halle (mercado cuberto e tradicional da cidade)... e, por suposto, degustamos os Schnitzel, as salchichas e os Pretzel!
Misión cumprida! Os obxectivos da viaxe quedaban acadados sen dúbida algunha!
Cando xa pasaron uns días da nosa volta, agroman os recordos dos días que pasamos en Francia. O venres 24 de febreiro este grupo de alumnos de 3º e 4ºESO emprendía a súa viaxe cara a terras francas cheos de ilusión e preparados para sacar o mellor desta experiencia.
O sábado aproveitámolo para visitar todo o posible de París. Camiñamos todo o día e moito vimos desta marabillosa cidade... e todos quedaron con moitas ganas de volver algún día para coñecer mellor a capital francesa. O primeiro obxectivo da viaxe xa quedaba acadado: despertar interés por outras culturas, por outras formas de vida. Abrindo mentes...
O domingo emprendemos a viaxe en tren cara a Châteauroux, onde nos agardaban os alumnos franceses coas súas familias e profesoras. Tras saudarnos e facer as presentacións pertinentes cada un dos nosos estudantes marchou coas correspondente familia de acollida ata o día seguinte.
O luns ben cedo, xa comezou a nosa semana no colexio La Fayette: comezamos a xornada con xogos para romper o xeo e crear un ambiente distendido e de confianza para favorecer o traballo cooperativo. Os estudantes de Lugo fixeron presentacións sobre Galicia, a nosa cidade e o noso cole, e acudiron a algunhas clases cos seus compañeiros franceses. O oxectivo de poñer en práctica o inglés daba os seus primeiros pasos...
Ao traballo na aula sumáronse tamén outras actividades: compartir o xantar no comedor escolar, compartir tempo e charla no patio... e, como non, as visitas culturais a Châteauroux para coñecer a vila, os edificios singulares e un interesantísimo museo.
A segunda visita cultural levounos a Tours, unha cidade chea de vida, onde descubrimos a marabillosa catedral e as súas impresionantes vidrieiras. Despois de moito camiñar e admirar, repuxemos forzas nun restaurante de comida biolóxica, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos de sostenibilidade!
A fin da nosa estancia xa se aproximaba, así que o cuarto día adicámolo ao taller de elaboración da nosa REVISTA DIXITAL: os alumnos escolleron o formato e deseño da revista, describiron aos seus compañeiros de redación e incluíron as fotografías de todos eles nunha das seccións. Asimesmo, organizados en equipos internacionais, esbozaron as noticias que querían redactar en relación cos ODS e compartíronas cos seus compañeiros.
O día rematou cun paseo pola cidade e unha deliciosa e moi animada cea de despedida, na que houbo risas, bromas e brindis polas novas amizades e a experiencia Erasmus!
O venres moi cediño as familias trouxeron aos rapaces á estación de trens onde nos despedimos ata o mes de maio, cando eles virán visitarnos a Lugo.
CONCIENCIANDO SOBRE OS 17 OBXECTIVOS DE SOSTENIBILIDADE
"GO 4 A MORE SUSTAINABLE WORLD"
Despois de moito investigar e ler, moito aprendemos sobre os 17 ODS recollidos na Axenda 2030. Descubrimos que o noso planeta sofre polo cambio climático, e que hai moitas desigualdades e inxustizas no mundo. Pero agora tamén sabemos que podemos e debemos poñernos en acción: é verdade que somos pequenas pingas nun enorme océano, pero non por iso nos sintamos intimidados. Nas nosas mans está mellorar o mundo no que nos toca vivir; con cada pequeno xesto contrinbuímos ao ben global. Así que cantos máis pequenos xestos, maior será o noso impacto. Por iso nos parece tan importante difundir a mensaxe da ONU e dar a coñecer estes obxectivos: Debemos ser conscientes dos problemas que nos rodean e dos desafíos que se propoñen.
Os rapaces compuxeron con Canva uns posters co Logo de cada obxectivo e unha infografía que recolle datos de grande interese en relación con cada un dos 17 obxectivos. Lede e descubride como podedes axudar!
XA TEMOS LOGO GAÑADOR PARA O PROXECTO "FAIRY TALES"
O concurso foi un éxito rotundo pois foron moitas as propostas enviadas polos alumnos participantes de cada país. Tras unha votación online o LOGO GAÑADOR é o seguinte:
Noraboa aos autores: os alumnos de Nantes, Francia!
E por suposto xa actualizamos a carteleira Erasmus, incluíndo esta última novidade!
Pronto poderemos consultar como vai evolucionando o proxecto accedendo á plataforma eTwinning facendo click no seguinte enlace Twinspace do proxecto.
Saudamos aos alumnos franceses que, ao abeiro do programa Erasmus+, nos acompañarán ao longo dos dous meses vindeiros. Hospedados por Aarón e Manuel, e acollidos por 4° de ESO e por todo o cole, estes mozos de Pessac (Bordeos), estarán nas nosas aulas ata mediados de marzo. Logo, devolverémoslles a visita.
RECOLLER TAPÓNS para COLABORAR con ASPNAIS (Asociación Lucense de Axuda a Persoas con Dano Cerebral). Moi pronto coñeceremos máis de preto o seu labor e como contribúe a recollida de tapóns ao seu centro.
Esta é unha desas accións que van no ADN do noso colexio: traballar pola inclusión e non deixar a ninguén atrás.
E, ao mesmo tempo, contribuímos ao coidado do medio ambiente: as familias e os amigos implícanse e xuntan todos os tapóns de plástico dos envases que se empregan na casa.
En xuño do curso pasado, a Coordinadora do Proxecto Erasmus do noso centro visitou o Friedrich List Gymnasium de Asperg, Alemaña, para preparar xunto con profesores doutros centros europeos a participación nun proxecto de colaboración, para descubrir os contos de fadas tradicionais propios de cada país pero tamén os que son común herdanza de todos.
FAIRY TALES AS A EUROPEAN CULTURAL HERITAGE: Este é o título do proxecto que nos levará ao universo dos contos de fadas da nosa infancia e a descubrir que moitos países europeos e do mundo enteiro veñen contando dende hai séculos lendas e historias moi parecidas.
As nosa alumnas, Elena, Yanira, Noa, Icía e Cinthia, forman o equipo que viaxará a Asperg (Alemaña) coa misión de descubrir esa tradición cultural europea. Alí coincidirán con estudantes alemáns, franceses, portugueses, croatas ... e compartirán historias, forxarán amizades e fortalecerán o espírito europeo.
Como toda empresa, necesitamos un LOGO que nos represente e co que nos sintamos identificados. Así que este equipo creou un marabilloso póster para invitarvos a TODOS e TODAS a PARTICIPAR no CONCURSO DE LOGOS!
Podedes facer un logo á man ou ben empregando ferramentas dixitais. O logo gañador acompañaranos ao longo de todo o proxecto e aparecerá nas nosas publicacións e nos materiais que produza o equipo galego. Ademáis entrará no concurso de logos cos outros países.
En asociación co Colexio La Fayette de Châteauroux (Francia) o noso proxecto por fin botou a andar, baixo o título de "Extra! Extra! Read all about it!"
Os alumnos serán reporteiros en acción por un futuro máis sostible e crearán en colaboración cos socios franceses unha revista que recollerá todo o seu traballo para transformar o mundo!
Investigarán sobre os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible recollidos na Axenda 2030, para despois mirar o seu entorno desde unha nova perspectiva: descubrir os desafíos aos que nos enfrontamos cada día, e logo idear e poñer en marcha un plan de acción para mobilizar conciencias e facer posible o cambio cara un futuro mellor.
Pero antes de nada os socios deben coñecerse, ter un primeiro contacto. Por iso, a semana pasada os nosos 12 alumnos de 3º e 4º ESO gravaron uns vídeos de presentación que lles enviamos aos colegas franceses. Agora agardamos impacientes coñecelos a eles e xa se nos está facendo longa a espera!
Se queredes velo, facede click no noso vídeo de presentación!
Dende o venres pasado quedou oficialmente formado o CLUB ERASMUS do Colexio Divino Maestro de Lugo.
Os alumnos e alumnas seleccionados para o intercambio europeo Erasmus+ posan así de orgullosos e ilusionados con todo o que os agarda nesta experiencia! Erasmus Plus: abrindo mentes e enriquecendo vidas!
Na semana do 3 ao 8 de outubro Céline Cocud e Sandrine Zébert, profesoras do Collége Sainte Marie de Pérenchies, localidade próxima a Lille, no norte de Francia, visitaron o noso colexio durante unha semana. Aquí puideron observar o noso traballo, especialmente no que se refire a clases de linguas e atención a necesidades de apoio educativo, pero tamén preparamos o que serán futuras mobilidades de alumnado e profesorado entre os dous centros.