sábado, 25 de marzo de 2023

MOBILIDADE en CHÂTEAUROUX

SEMANA ERASMUS+ EN CHÂTEAUROUX

Cando xa pasaron uns días da nosa volta, agroman os recordos dos días que pasamos en Francia. O venres 24 de febreiro este grupo de alumnos de 3º e 4ºESO emprendía a súa viaxe cara a terras francas cheos de ilusión e preparados para sacar o mellor desta experiencia.

O sábado aproveitámolo para visitar todo o posible de París. Camiñamos todo o día e moito vimos desta marabillosa cidade...  e todos quedaron con moitas ganas de volver algún día para coñecer mellor a capital francesa. O primeiro obxectivo da viaxe xa quedaba acadado: despertar interés por outras culturas, por outras formas de vida. Abrindo mentes...

O domingo emprendemos a viaxe en tren cara a Châteauroux, onde nos agardaban os alumnos franceses coas súas familias e profesoras. Tras saudarnos e facer as presentacións pertinentes cada un dos nosos estudantes marchou coas correspondente familia de acollida ata o día seguinte.

O luns ben cedo, xa comezou a nosa semana no colexio La Fayette: comezamos a xornada con xogos para romper o xeo e crear un ambiente distendido e de confianza para favorecer o traballo cooperativo. Os estudantes de Lugo fixeron presentacións sobre Galicia, a nosa cidade e o noso cole, e acudiron a algunhas clases cos seus compañeiros franceses. O oxectivo de poñer en práctica o inglés daba os seus primeiros pasos...




 Ao traballo na aula sumáronse tamén outras actividades: compartir o xantar no comedor escolar, compartir tempo e charla no patio... e, como non, as visitas culturais a Châteauroux para coñecer a vila, os edificios singulares e un interesantísimo museo.



A segunda visita cultural levounos a Tours, unha cidade chea de vida, onde descubrimos a marabillosa catedral e as súas impresionantes vidrieiras. Despois de moito camiñar e admirar, repuxemos forzas nun restaurante de comida biolóxica, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos de sostenibilidade!


A fin da nosa estancia xa se aproximaba, así que o cuarto día adicámolo ao taller de elaboración da nosa REVISTA DIXITAL: os alumnos escolleron o formato e deseño da revista, describiron aos seus compañeiros de redación e incluíron as fotografías de todos eles nunha das seccións. Asimesmo, organizados en equipos internacionais, esbozaron as noticias que querían redactar en relación cos ODS e compartíronas cos seus compañeiros. 
O día rematou cun paseo pola cidade e unha deliciosa e moi animada cea de despedida, na que houbo risas, bromas e brindis polas novas amizades e a experiencia Erasmus!


O venres moi cediño as familias trouxeron aos rapaces á estación de trens onde nos despedimos ata o mes de maio, cando eles virán visitarnos a Lugo. 

À bientôt!


LUGO EN PÉRENCHIES

ESTAMOS EN PÉRENCHIES PARA REMATAR O TRABALLO INICIADO EN LUGO! Despois dun longo día de viaxe ata o norte de Francia para atoparnos de novo...