viernes, 19 de abril de 2024

LUGO EN PÉRENCHIES

ESTAMOS EN PÉRENCHIES PARA REMATAR O TRABALLO INICIADO EN LUGO!

Despois dun longo día de viaxe ata o norte de Francia para atoparnos de novo cos nosos socios, xa amigos, da Escola Sainte Marie à Pérenchies, chegamos à Pas de Calais! En Pérenchies estaban agardándonos as familias e os nosos compañeiros franceses.



Tras pasar o domingo coas familias con todo tipo de plans e visitas, os mozos e mozas Erasmus traballaron o luns no Collège Sainte Marie en diferentes obradoiros: fixeron escalada, cociñaron, coseron unha bolsa-merenda ecolóxica, xogaron e, por suposto, coñeceron a vila! Foi un día intenso e moi construtivo!




Ao día seguinte visitamos a vila de Ypres para coñecer o episodio máis doloroso da historia desta rexión francesa. No museo da l Guerra Mundial en Ypres, descubrimos a través de hologramas, vídeos e vestixios orixinais da Gran Guerra a crueldade e o devastador efecto que o conflicto tivo na rexión. Visitamos tamén un dos tantos cemiterios da Gran Guerra e puidemos ver as trincheiras dende as que os soldados pelexaban. Alí contáronnos o episodio da Tregua de Nadal: durante o Nadal de 1914 os soldados dos diferentes bandos enfrontados saíron das súas trincheiras para intercambiar saúdos, comida e souvenirs, e remataron cantando panxoliñas. Un episodio inédito que pon de manifesto o absurdo das guerras.







Xa pola tarde, percorremos a fermosa cidade de Lille onde tamén comemos algunha larpeirada, cortesía dos nosos anfitrións... Merci beaucoup! Que día tan magnífico!!


E continuamos con máis días intensos en Francia! É casi imposible resumir todo o que fixemos cos nosos socios franceses... Obradoiro de expresión teatral, asistimos a unha representación, traballamos no proxecto, convidáronnos a xantar "frites", limpamos de plásticos a praia de Bray, compartimos xeados... Non paramos de ver e aprender!




O último día da nosa estancia pasámolo traballando no proxecto, pois había que escribir conxuntamente os artigos para a revista virtual que pronto estará lista!
A tarde xa foi de acción e deporte. Moi perto do colexio desfrutamos dun parque onde estivemos patinando, xogando ao golf, ao fútbol ... .
Como despedida, celebramos unha "soirée" coas familias ... e probamos todo tipo de manxares típicos da zona.
E así fomos chegando ao final do intercambio co Collége Sainte Marie. E foi magnífico!


Merci beaucoup, nos amis!! C'était fantastique! Merci!



domingo, 10 de marzo de 2024

PÉRENCHIES EN LUGO: MARZO 2024

 XA ESTÁN AQUÍ OS NOSOS SOCIOS ERASMUS DE PÉRENCHIES, FRANCIA!

Os 15 alumnos e 3 profesoras procedentes do Colexio Sainte Marie de Pérenchies, a poucos kilómetro de Lille, pasaron connosco cinco días para desenvolver un proxecto relacionado co TURISMO RESPONSABLE. Grazas a Erasmus, reflexionaremos sobre as consecuencias que o turismo está tendo nas nosas vidas, cidades e por extensión, no noso planeta. O programa europeo ten como fin que os rapaces adquiran  habilidades e atitudes que contribúan á consecución dos Obxectivos de Sostibilidade á hora de visitar outros lugares. Todo o traballo que realicen será recollido nunha revista virtual que eles mesmos irán elaborando de forma colaborativa.

No primeiro día, despois da recepción e benvida ao grupo francés por parte do Director, os nosos alumnos guiaron en inglés aos seus compañeiros franceses para mostrarlles as instalacións do noso centro escolar. 

A continuación, para romper o xeo e crear un ambiente distendido e de confianza, houbo xogos de equipo no ximnasio. Os profesores de Educación Física de ambos grupos, Jaime e Isabelle estiveron á fronte dos mesmos para animar aos rapaces, que o pasaron xenial!

Logo dun descanso, comezou na biblioteca o obradoiro sobre "RESPONSIBLE TOURISM" En equipos franco-españois analizaron os efectos positivos e negativos que o turismo ten no noso mundo, expuxeron as súas reflexións ante os compañeiros e todo quedou recollido nun mural.





 Co seguinte enlace accederedes ao traballo sobre RESPOSIBLE TOURISM 
ACTIVITIES 

https://view.genial.ly/65e5f9b700939700140d6dda/interactive-content-day1-erasmus-responsible-travelling-experience

Tamén asistiron a unha clase de Lingua e Literatura Galega. Despois de ver unha presentación sobre Galicia e a súa historia e lugares de interés, os alumnos galegos aprendéronlles aos seus compañeiros franceses algo de galego. Os de Pérenchies quedaron encantados pois en tempo récord xa eran quen de saudar, presentarse, dar as grazas e dicir algunhas cousiñas máis na nosa lingua.

PRESENTACIÓN SOBRE GALICIA

https://www.canva.com/design/DAF8G7AjGeY/cTNAc8SP7ZvoJ95QGY6yfw/edit?utm_content=DAF8G7AjGeY&utm_campaign=designshare&utm_medium=link2&utm_source=sharebutton

HISTORY OF GALICIA

https://www.canva.com/design/DAFaWzhx_ZQ/6Faum19WCFmUUFnKwnv1QQ/edit?utm_content=DAFaWzhx_ZQ&utm_campaign=designshare&utm_medium=link2&utm_source=sharebutton



A tarde pasámola visitando o centro de Lugo e rematamos compartindo unha merenda moi do noso país, CHURROS para delicia de todos!




O resto da semana pasou entre visitas á Mariña Lucense, ao Castro de Viladonga e a Santiago de Compostela. Así puideron coñecer o entorno natural da Praia das Catedrais e a vila costeira de Ribadeo, o pasado celta da nosa terra e percorrendo o último tramo do Camiño de Santiago dende o Monte do Gozo ata a Catedral sentíronse pelegríns por un día! 








Finalmente, quedaba rematar a semana: concluímos o obradoiro sobre Turismo Responsable, compartimos andaina polo paseo do Miño, e degustamos unha marabillosa paella preparada por unha das familias! 






Os obxectivos da mobilidade acadáronse sobradamente: Erasmus é un exemplo de Viaxe Responsable: UNHA EXPERIENCIA POSITIVA E SIGNIFICATIVA en tódolos sentidos. Os rapaces franceses integráronse na vida das familias dos seus compañeiros españois, vivindo os nosos costumes e hábitos en primeira persoa. 
Ademáis aprenderon sobre a nosa historia, cultura e paisaxe, mostrando sempre interés e unha educación exquisita. 

Esta experiencia Erasmus verase completada coa viaxe dos noso alumnos a Pérenchies no próximo mes de abril onde tamén levarán a cabo actividades e obradoiros que lles permitirán seguir aprendendo a ser VIAXEIROS RESPONSABLES. 

jueves, 21 de diciembre de 2023

PUBLICACIÓN DAS LISTAS DE ALUMNOS PARTICIPANTES NO PROGRAMA ERASMUS+ PARA ESTE CURSO 23-24

  XA TEMOS O GRUPO DE ALUMNOS ERASMUS+ PARA ESTE CURSO!

Alumnos e familias veñen de coñecer os nomes dos participantes no proxecto Erasmus+ e as mobilidades que se van levar a cabo no presente curso. 

A expectación era máxima e xa viñan preguntando dende había varias semanas pola resolución. Dun total de 38 solicitudes, foron aceptadas 34. As 4 restantes están en lista de espera/reserva por se nalgún momento se cumpren as condicións para a súa participación. A idea e que todos poidan participar!

Ademais, queremos destacar e agradecer aos que se ofreceron a acoller estudantes estranxeiros: 2 alumnas de 1ºESO serán as anfitrionas durante unha semana para dúas estudantes de fóra, e a familia doutra alumna de 1ºESO acollerá na súa casa durante 2 meses a unha alumna procedente do centro francés Jeanne D'Arc Assomption de Pessac.

Agora só queda que acepten formalmente a participación no proxecto: os interesados pasarán polo despacho do Director para asinar un documento polo que aceptan a praza para a mobilidade asignada e se comprometen a participar activamente nas actividades e xuntanzas propostas no CLUB ERASMUS do que formarán parte! 









domingo, 12 de noviembre de 2023

REUNIÓNS INFORMATIVAS SOBRE AS MOBILIDADES ERASMUS+

ELEVADA ASISTENCIA DE FAMILIAS E ALUMNOS

Esta semana celebramos as reunións con alumnos e con familias para informar sobre o proxecto Erasmus+ e as mobilidades que se van levar a cabo no presente curso. 

A asistencia a ambas sesións foi moi elevada e se a reunión con alumnos foi un éxito, a de familias aínda o superou. 

Tanto nunha como noutra, os alumnos que xa participaron nas mobilidades do curso pasado contaron as súas experiencias e animaron a todos a formar parte do CLUB ERASMUS e dos proxectos de intercambio.



R



miércoles, 18 de octubre de 2023

PROCESO SELECCIÓN ALUMNOS ERASMUS+ CURSO 2023-24

 QUERES PARTICIPAR NAS MOBILIDADES ERASMUS+? 

Comezamos un novo curso e de novo volvemos ter o apoio financieiro da Unión Europea para iniciar as mobilidades a outros centros escolares de Europa de aquí a final de curso. Non perdas a oportunidade de coñecer xentes, lugares, modos de vida e outras linguas e culturas fóra do teu país. A Unión Europea brinda aos seus mozos e mozas a oportunidade de ENRIQUECER VIDAS e ABRIR MENTES!

Se queres ser un alumno Erasmus+ este curso, le atentamente o proceso de selección e ponte mans á obra.

Atoparás a información no taboleiro Erasmus do cole e a Coordinadora entregará formularios de solicitude de prazas a todos os que queirades participar.


                                                      


MOBILIDADES ERASMUS+ PROCESO DE SELECCIÓN DE ALUMNADO CURSO 2023-24


Estimadas familias e alumnos/as do CPR PLURILINGÜE DIVINO MAESTRO LUGO:


Este curso colaboramos no programa Erasmus+ en asociación con tres centros europeos:


Este programa lévase a cabo coa cofinanciación da Unión Europea que esixe levar a cabo un proceso de selección do  alumnado para participar nos proxectos e nas mobilidades, atendendo aos seguintes criterios.


 Criterios de selección do alumnado


DE OBRIGADO CUMPRIMENTO:

  • Ser alumno/a de primeiro/ segundo/ terceiro/ cuarto de ESO no CPR Plurilingüe Divino Maestro Lugo durante o presente curso.

  • Presentar á COORDINADORA ERASMUS ou en DIRECCIÓN a instancia adxunta dentro do prazo estipulado

  • Formar parte do Club Erasmus e demostrar compromiso co proxecto asistindo ás reunións e cumprindo coas tarefas asignadas para o desenvolvemento da actividade. 

  • Ofrecerse como FAMILIA de ACOLLIDA para o alumnado estranxeiro no presente curso 23-24.* De non poder cumprir con este requisito, comunicaráselle á Coordinadora para que se valore a situación.


OS SEGUINTES CRITERIOS SERÁN PUNTUADOS SEGUNDO SE INDICA:


  • Presentación dunha carta de motivación para participar no proxecto proposto para o seu curso e realizar esta mobilidade. Máximo 4 puntos.

  • Coñecementos de inglés e actitude cara á aprendizaxe do idioma estranxeiro. Máximo 4 puntos

  • Valoración do equipo docente da actitude do alumno: puntualidade e asistencia ás clases, actitude de respecto polas normas e as persoas,  capacidade de relación, empatía e traballo en equipo. Máximo 4 puntos

  • Valoración da situación persoal do alumno (socioeconómica, familiar, NEE…) que conleve risco de exclusión. Máximo 2 puntos.


PRAZO DE ENTREGA: ata o venres 27 de outubro de 2023


Atoparás a información no taboleiro Erasmus do cole e a Coordinadora entregará formularios de solicitude de prazas a todos os que queirades participar. Se tés algunha dúbida non dubides en consultar coa Coordinadora.

Agardámoste!










martes, 17 de octubre de 2023

ERASMUS DAYS

 ERASMUS DAYS: 6 days to make Europe shine!

Do 9 ao 14 de outubro celebramos os ERASMUS DAYS recordando todo o que no curso pasado nos brindou o programa. Nun enorme mural expuxemos bandeiras, posters, logos, a camiseta dun dos proxectos e como non, para delicia de todos, algunhas FOTOS das nosas viaxes e dos que nos visitaron. 




Ademais, algúns dos alumnos Erasmus quixeron compartir nas redes un vídeo para contarlle a todo o mundo o que a experiencia Erasmus Plus supuxo para eles ou o que deste programa esperan!





ERASMUS PLUS: ABRINDO MENTES, ENRIQUECENDO VIDAS!


lunes, 9 de octubre de 2023

JOBSHADOWING PÉRENCHIES

 JOBSHADOWING NO COLLÈGE SAINTE MARIE PÉRENCHIES (FRANCIA)

Rematou a visita aos nosos socios franceses do Collège Sainte Marie de Pérenchies! Hai un ano exacto, as profesoras Céline e Sandrine pasaban unha semana en Lugo para coñecer o noso centro, os nosos profesores e alumnos e noso labor docente. Agora tocounos devolver a visita e durante a semana pasada, o director e maila coordinadora Erasmus do noso centro escolar visitamos o colexio francés, onde todo estaba preparado para unha intensa semana de observación e aprendizaxe. Pérenchies non defraudou, senon que superou as expectativas: un centro escolar pequeno, coma o noso, cheo de xente acolledora e hospitalaria, onde tanto os nosos profesores como alumnos aprenderán e vivirán a experiencia europea!



Alí tivemos ocasión de acompañar aos profesores no seu labor. Coñecemos as metodoloxías, rutinas e materiais que usan nas clases de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, e asistimos a sesións de Lingua inglesa, española e francesa, de Tecnoloxía e Informática. 







Por outro lado, reunímnos co Director do Collège Sainte Marie para coñecer aspectos do funcionamento, organización e xestión dun centro concertado francés:

A encargada da Mediateca (Biblioteca e Recursos TIC) e o profesor de Física e Química compartiron cadanseu proxecto dixital, e as responsables do Programa Eco-Escola e Pastoral tamén expuxeron os seus programas e actividades nunha comida-reunión que resultou do máis interesante:



Para a participación no programa Erasmus, o Collège Sainte Marie creou a materia optativa "Sección Euro Español/Inglés" e con eles pasamos unha xornada fantástica  na que aproveitamos para coñecer mellor aos alumnos que viaxarán a Lugo na primavera. Eles foron quen nos guiaron por  todo o colexio con explicacións en inglés e español, e compartiron con nós as súas ilusións e tamén as lóxicas preocupacións polo futuro intercambio.


Agora toca preparar o proxecto de intercambio, decidir datas e poñernos todos a traballar! Sen dúbida, esta será unha experiencia enriquecedora!


LUGO EN PÉRENCHIES

ESTAMOS EN PÉRENCHIES PARA REMATAR O TRABALLO INICIADO EN LUGO! Despois dun longo día de viaxe ata o norte de Francia para atoparnos de novo...